Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.

0

Etiquetas

O pasado martes unha sentencia da Audiencia Nacional poñía en cuestión a fusión das caixas galegas no mesmo día en que o mesmo órgano condeaba a Manuel Fernández de Sousa a oito anos de cárcere por falsear as contas de Pescanova. O rescate das caixas significou 9.000 millóns de euros de diñeiro público mentres que a modesta cifra de débeda que intentou ocultar Manuel Fernández ascende aos 2.000 millóns. A pregunta é: pechan esas sentencias un ciclo? Son xa causa xulgada?

Escribía hai case dez anos Josep María Vallés que se o século XIX español vivíu a desamortización da terra e o final do século XX contemplou o das empresas públicas, a desaparición das caixas de aforros compuxo, no século XXI, unha terceira desamortización que permitiu traspasar un enorme volume de negocio –o 50% do negocio bancario en España– a mans dos bancos privados. Se a primeira desamortización non alterou a estrutura da propiedade da terra, e a segunda deixou intocado o carácter oligopolítico de grandes empresas fornecedoras de servizos como Telefónica, Repsol ou Aldeasa, a terceira constituíu un enorme bocado que tragaron ou van tragar con enorme beneficio os grandes bancos.

A crise bancaria de 2008 supuxo enormes esforzos –paro, pobreza, desafiuzamentos e suicidios– que habería que lembrar, aínda que sexa un tópico afirmar que as sociedades contemporáneas teñen memoria de peixe. Non é fácil saber as cifras do rescate bancario dada a opacidade coa que se manexan estas cousas pero o economista Juan Laborda calcula que as axudas ao sector bancario –medidas de capitalización, adquisición de activos, garantías e avais, préstamos e liñas de liquidez– rondan os 730.000 millóns de euros. A folla de ruta pactada por políticos e grandes banqueiros co fin de acabar coas caixas de aforro, transformándoas en bancos privados cumpriuse ao dedillo.

Quérese dicir que hai que enmarcar a desaparición das caixas galegas nun proceso máis amplo de oligopolización do sistema financeiro español. Rajoy e Zapatero, movidos polo estoupido da burbulla, e por unha Merkel que quería, naturalmente, que as súas caixas e bancos cobraran os préstamos, puxeron o marco normativo. O Banco de España, como fixo sempre, non controlou nin vixiou absolutamente nada e, pola súa vez, a Xunta aplaudiu con entusiasmo, ata o último día, calquera desfeita dos próceres económicos do país. E así se escribiu a historia.

Pero ese proceso de oligopolización, que fai ouvidos xordos ao perigo do too big to fail [demasiado grande para caer], aínda está en curso. A última noticia foi a entente cordiale Bankia-Caixabank pero todo induce a pensar que as fusións, bendecidas polo BCE e o Banco de España continuarán. Abanca pode ser unha das entidades a fusionar. De feito, na prensa económica lese que Abanca tentou ou está tentando esa posibilidade co Banco Sabadell. Non é a única opción posible.

Se así fóra, a historia se repetiría: pecharían sucursais, despediríanse traballadores, empeorarían salarios e condicións de traballo, etcétera. O máis probable é que Abanca, unha entidade que forma parte de Banesco, non sexa a estación termini do grupo venezolano. Polo demais, á oligopolización bancaria séguelle como a súa sombra á concentración empresarial. Pescanova está hoxe en mans de Escotet: Abanca posúe máis do 80% das accións de Nueva Pescanova. Así se pecha o bucle das dúas sentencias.

Que o destino de Abanca deba enmarcárse nun contexto máis xeral non significa que as cousas non puideran ter sido doutro modo. O mesmo que a conducta do emérito non tería sido posible sen o silencio cómplice e a aquiescencia de tirios e troianos, a desastrosa xestión das caixas galegas non sería posible sen o concurso necesario dunha sociedade con baremos de información obxectiva e exame crítico por debaixo de cero. Foi necesaria unha suma exorbitante de xenuflexións múltiples ante o paso de Gayoso&Méndez para que o abismo pasara desapercibido. Os dous despediunos non unha sociedade, a galega, escrupulosa cos seus negocios e intereses, senón un ninja –no job, no income, no assets– de Alabama. É unha vergoña, pero é así.

Se os dous gobernaron, con ánimo bonapartista, transformando entidades de carácter social sen ánimo de lucro, ao servizo do desenvolvemento económico do país, en fincas privadas no que as súas camarillas obtiñan pingües beneficios non foi, non puido ser, sen o conformismo de tantos e a complicidade dos beneficiados. A historia das dúas caixas espero que sexa agora mesmo obxecto dalgunha tese que dea conta dos detalles. Un só dato impresionista: a Gayoso nomeuno Portanet, alcalde sen o que non se entende o Vigo de posguerra, no ano 1965 e durou ata 2012. Un caso de libro de autoreproducción das elites. Pola súa banda, Méndez foi o financeiro do lobbie coruñés que, durante moito tempo, marcou a axenda de Galicia. Hai que entender as contornas dos dous, se queremos entender algo.

Tal vez niso é no que hai que incidir. É fácil arrincar pólas da árbore caída pero agora o que importa é extraer conclusións para que a sociedade galega non caiga nunha inopia culpable na que o chibo expiatorio sexa, como sempre, a condición da auto absolución dos propios pecados. Atrévete a pensar, escribiu un clásico, e por suposto que a ignorancia pode ser deliberada. Mirar para outro lado nunha sociedade de intereses mestos e na que erguer a voz pode significar a morte civil encerra unha confesión de culpa. Tal vez agora mesmo estean sentándose as bases do próximo desastre.

(A miña versión do que pasou outrora publiqueina neste medio noutra ocasión e aquí a deixo para quen teña curiosidade)

O que, naturalmente, non lle quita responsabilidade concreta a Feijóo, nin ao Banco de España, nin, por certo, as auditoras –KPMG– que santifican calquera cousa que lles poñan por diante. Feijóo, claro que axudado polos grandes medios de comunicación do país, é un mestre do ilusionismo. Un toque de variña por aquí, un toque por aló e voilá! é capaz de facer desaparecer o elefante na sala. Ás veces Feijóo é presidente, outras, só un señor que pasaba por alí e que escoitou algo nalgunha parte. Pode dar, para xustificarse, os mesmos argumentos que Rodrigo Rato –que a culpa é dos que tiñan que vixíar o que el facía para que non o fixera– ou negar con descaro ao Parlamento galego –o núcleo da soberanía popular– a información que precisa para deliberar con criterio formado. Sabe que nas portadas do día seguinte nin tan sequera se mencionará tal ínfimo detalle...

A primeira responsabilidade dun gobernante é ter unha idea de a que porto hai que levar o barco. E non parece que Feijóo saiba, soubera ou, nin tan sequera, quixera saber nalgún momento a onde ir. Coa mentalidade dun profesional da política, dos que tanto abundan, todo se queda para el en administrar unha finca no día a día sen gastar o cerebro en ter unha perspectiva. No seu período de goberno producironse, entre outras, a desaparición do Banco Pastor, de Caixa Galicia e CaixaNova, do Etcheverría, do Banco Gallego, de R, ou a chusca historia de Pemex que tamén se verá nos xulgados. Veremos o que pasa con Alcoa. Só o traslado dos servizos centrais do Banco Pastor a Madrid supuxo a perda de 800 postos de traballo. Ao tempo, a sede fiscal de certo número de empresas vaise para un Madrid que practica o dumping fiscal con enorme prexuízo para outras comunidades. Pola súa vez, a industria agroalimentaria sucumbe ao capital foráneo. E suma e segue.

Naturalmente que a Xunta só pode facer o que pode facer e non outra cousa. Pero si pode ter algún plan. E o certo é que non hai en Galicia política económica digna dese nome, nin, en realidade, política económica ningunha, fóra de cadrar as contas. Non se ve iniciativa ningunha. É un país, todos o sabemos máis ou menos conscientemente, de pouco futuro cun goberno que vende moito fume. Claro que vivimos mellor que hai unhas décadas, e que hai maior produtividade, e que a renda per cápita mellorou. Pero ao mesmo tempo, hai datos que mostran que o horizonte se achata. A poboación esmorece, as empresas galegas desaparecen e os rapaces mellor formados emigran en masa alí onde podan atopar traballos cualificados. A Madrid, a Berlín ou a Shangai.

Que Deus nos libre de que as grandes empresas do país –Citröen, Inditex– entren en crise porque sería tráxico para Vigo e Coruña. En Galicia non hai ningún debate consistente sobre o futuro económico do país e sobre os posibles camiños a transitar. Sabemos que a AP-9 é un pesado fardo que levamos enriba grazas a Álvarez Cascos e que hai que poñer en valor as nosas cidades e a interrelación co norte de Portugal –o así chamado Eixo Atlántico– e que habería que investir en I+D+i e facer aínda que fora algúnha breve análise DAFO da situación, pero todo iso ocupa pouco espazo e ningunha decisión executiva.

Pero non se ve que ninguén pegue un chío. Galicia vai ben, que diría o ínclito. Todo vai perfecto cun goberno que di que sabe o que fai, mentres o tecido industrial esmorece e se sabe que Galicia perderá 200.000 habitantes nos próximos dez anos. Sucede que, en Galicia, os periódicos son como son, os partidos políticos son como son, e, tal vez, a fin de contas, a xente, a que manda algo, é como é.

Etiquetas
stats