Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
O túnel das pombas
Robert David Putnam fixo notar (nun celebrado escrito, Bowling Alone, publicado en 1995) que a xente que pasa moitas horas fronte á televisión recea da bondade doutras persoas ao sobreestimar, por exemplo, os índices de delincuencia. Case trinta anos despois, cando xa a rede expandiu a súa influencia por todo o corpo social, existe evidencia da correlación entre o declínio do compromiso cívico e o acceso a Internet. Como Putnam fai notar, “ciberbalcanización, e non democracia dixital, é o futuro”.
O que cimenta as sociedades é a confianza, e a confianza florece cando a xente ten relacións cara a cara. Poida que, se falas con alguén, aínda que non sexa do teu círculo, esa persoa che caia ben ou escoites unha historia interesante, ou simplemente atopes un carácter inesperado. Pero cada vez é menos o caso. O que buscamos é vivir en condominios: en comunidades ideais nas que todos sexan coma nós, ou alternativamente, na que a xerarquía social quede explicitamente marcada. Que a inmigrante que coida dos nosos fillos ou dos nosos maiores ou de nós mesmos estea no seu sitio. O distinto percíbese, primariamente, como perigo e como inferior.
Vivimos na propia cápsula, ou sexa a das campañas publicitarias que recibimos. Esas que sobreestiman a delincuencia, alimentan os temores e, con eles, o odio. Queremos ser como calquera outro mamarracho para compartir desexos e aspiracións atrofiadas, medos e fantasmas estúpidos. Xa saben: vin as mellores mentes da miña xeración ser arrasadas polo clickbait. Fáganme caso: se se absteñen de frecuentar fontes de toxicidade iso darálle máis serenidade á súa alma. Entren en diálogo con ela, conversen co seu Eu interior, lean libros, fagan funcionar a súa intelixencia: a palabra escrita ten máis capacidade de tratar coa complexidade que eses titulares maliciosos cos que nos intentan, e adoitan conseguilo, seducirnos.
Non creo que ninguén teña ningunha dúbida sobre que a próxima onda sobre a que vai surfear a extrema dereita é sobre a criminalización da inmigración. E vai ser forte, tal vez un tsunami. Iso sucederá –está sucedendo- nas pantallas da televisión con Ana Rosa Quintana et altri e, por suposto, a través do móbil, de Facebook ou X, a Telegram ou o Whatsapp.
Por suposto, cando esa extrema dereita gañe –que é de supoñer que o fará-, traballarán os autóctonos debaixo dos mares de plástico de Murcia? Recollerán os amorodos de Huelva? Coidarán do afectado por un ictus, ou das nosas nais, por un salario ínfimo? Restaurantes, bares e cafeterías, nutriranse de oito apelidos españois, ou cataláns ou vascos? E na construción, non serán necesarios traballadores marroquís ou peruanos? Cambiará África de localización, deixará de ser España a porta de acceso a Europa navegando a península ao medio do Atlántico? Os empresarios deses e doutros sectores, que abusan da restrición de dereitos, e da debilidade da súa forza de traballo, estarán contentos cos nativos, máis empoderados?
Meloni leva xa un tempo gobernando Italia. O número de inmigrantes que accedeu á península aumentou nese tempo. Porque Italia está aí, e se tí destruíches Libia non podes pretender outra cousa. As solucións imaxinarias teñen pouco percorrido, pero a intelixencia social está baixo mínimos. Como moi ben o expresou El Loco de la Colina: “Nunca como agora a xente presume de non ter lido un puto libro na súa vida. Os analfabetos de agora son os peores porque é xente que tivo acceso á cultura pero que non quere saber nin entender. Só quere que a distraian ou a entreteñan. Así nos vai aos que aspiramos a un pouquiño máis de profundidade. Un pouquiño máis, só un pouquiño máis”.
Sobre o retorno da extrema dereita: unha imaxe.
John le Carré, no limiar ao seu libro de memorias Volar en círculos (Planeta, 2016) escribe: “Era un adolescente cando o meu pai me levou nunha das súas escapadas de xogador a Montecarlo. Preto do antigo casino estaba o club deportivo e, aos seus pés, unha extensión de herba e un polígono de tiro que daba ao mar. Baixo a herba discorrían pequenas galerías paralelas que ían en fila ata a ribeira do mar. Por eses tuneis introducían pombas vivas, nacidas e atrapadas baixo o tellado do casino. A súa función consistía en avanzar batendo as ás polas galerías escuras ata sair ao ceo do Mediterráneo, para servir de diana aos señores ben alimentados que as agardaban, de pé ou tumbados, coas súas escopetas. As pombas que se salvaban ou só resultaban feridas facían aquilo ao que están afeitas as pombas: volvían ao seu lugar de nacemento baixo o tellado do casino, onde as esperaban as mesmas trampas”.
Sobre este blog
Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.
2