Has elegido la edición de . Verás las noticias de esta portada en el módulo de ediciones locales de la home de elDiario.es.
Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Son un rastrexador e non o sabía

Vista general de las instalaciones en la que militares de la UME, adscritos a la "Operación Baluarte", dan apoyo con rastreadores a las comunidades autónomas.

0

Defíname un rastrexador e direille cantos teño, anunciou o novo conselleiro de Sanidade en sede parlamentaria hai uns días. Esa afirmación, por sincera, non se sae do guión de opacidade e baile de cifras onde a Xunta pasou de afirmar, a comezos da pandemia, que contaba con dúas ducias de rastreadores para rectificar mes e medio despois cunha cifra de seis milleiros.

Calquera pode ser un rastrexador, ou non, ou vai ti saber nestes tempos convulsos inseridos nunha pandemia mundial, a da COVID, que semella alterar todo agás a impunidade e o matrix de cristal de Feijóo e o seu goberno. Para ser rastrexador, faltoulle dicir, non é imprescindible saber que un é un rastrexador. Para exemplo eu, que levo 170 días reincorporado á medicina de familia e que ata esta semana non sabía que era un rastrexador, ou que computaba como tal, ou non. As compañeiras que habitamos a trincheira da atención primaria, as preventivistas, as xefas territoriais de Sanidade ou as teleoperadoras do 112 podemos ser rastrexadoras según o noso presidente, que dixo tal cousa, o día que tamén reclamaba como rastrexadores polo país adiante a 180 militares. Nesta fórmula de rastrexo bélica-civil, tan só faltan as diferentes razas de cans que nas vindeiras semanas darán comezo á nova tempada de caza.

Tanto teñen as queixas das asociacións médicas ou de diferentes sindicatos que no seu día denunciaron que ninguén lles comunicara esta nova condición. Tampouco que Galiza sexa o país con máis contaxios sen orixe coñecido no conxunto do Estado. Na impunidade do dito ou feito por Feijóo e os seus conselleiros emerxen monstros. Tamén na súa sinceridade agochada por un hábitat mediático público e privado con vocación de NO-DO, que salvo honrosas excepcións, nunca cuestiona o relato oficial agás reflicta algo negativo para o goberno galego.

A segunda lei da termodinámica determina que a entropía, ou estado de desorde dun sistema, é algo que sempre aumenta.

Algo así acontece co goberno Feijóo na xestión da COVID sen que iso teña consecuencia algunha. Á receita da desviación permanente de responsabilidades noutras institucións ou na cidadanía, á ocultación das consecuencias dun modelo de sanidade pública precarizado, e de residencias de maiores privatizado, ou á falla de planificación no comezo do curso escolar, vén agora sumarse a máxima política de mans tendidas e dos corifeos do goberno galego, onde todos somos rastrexadores e Feijóo é necesario.

Sobre este blog

Este blog es el espacio de opinión y reflexión de elDiario.es en Galicia.

Etiquetas
stats